Jue. Mar 28th, 2024

Facía tempo que tiña en espera de comentario a existencia desta figura. Unha antiga talla en madeira, que a ollo de profano semella ser de piñeiro ou de nogueira, tinxida en varios tonos de verniz, resaltando ou mellor contrastando o vestiario en graos de marrón a pardo. En calidade, nada ten que ver coas torpes recreacións que ata ben pouco víamos ciscadas, aquí e acolá, por algún fogar da cidade vella de Compostela. As fotografías non merecen ao resultado plástico que ofrece.

Con propiedade salveina “in extremis” dun desescombro feito ás presas dun constructor que ía edificar no centro urbano de Boiro. Nun todo revolto: no medio de mobles rotos, dun feixe de discos de pizarra para gramola rotos, dalgún groso lingote de wolframio de tempos idos, de libros e cartas lamentablemente rotos, estragados por alguén que priorizou unha parte polo todo: arrancando páxinas de gravados e sellos postais de 1920, 1930, 1940…

Desengancharan a toma eléctrica e, sen luz que poder acender, caída a noite, ía sair cando algo, instinto ou casualidade, semellou querer gritarme no medio daquel caos humano o seu “Eh, non me ves?”, “Estou aqui!”, “Non marches, non consintas que tiren conmigo ao igual que van facer con canto acabas de ver!”. Foi unha experiencia de suxestión, de bo amor ou de fé. Adentrándome con recelo no enorme faiado daquel caserón de pisos altos tan só poboabo de sombras, apenas iluminado pola fráxil chama dun chisqueiro, impresionado polo eco solitario dos meus pasos e dos asubios e golpes secos do vento contra un tellado vello que rechinaba, sucedeu o achado. Dentro do esqueleto do que fora unha caixiña roída por ratos tanteei e toquei coas puntas dos dedos uns fragmentos que resultarían ser esta figura. Roldabanme na cabeza unha sorte de ideas apriorísticas infames: “Cousa cativa!”, “Mágoa, un probe boneco estragado en cen anacos!”, “Simples muñóns de madeira atacados pola couza!”,

“Desfaiseme nas mans, xa non é de entidade, foi!”… Máis, noutro tempo e noutra circunstancia, para os que aquí viviron era peza de entidade, suficientemente importante como para agochala, reservala, salvagardala dentro da caixiña. Foi así, dubitativo, como rescatei ese humilde tesouro que co tempo revelaría ter un sentido: esta talla, consolidada e restaurada a xeito –sen pretender que a deixaran “como cousa nova”– é testemuña da gran recepción e da boa acollida acadada pola cultura galega nos anos previos a 1936.

Xosé Mosquera Pérez, natural de Enfesta, xa en Santiago de Compostela fíxose famoso no medio radiofónico –cando a radio e a radio difusión eran sinónimos de modernidade sen parangón–

interpretando en directo ante os micrófonos e o público que reunía no estudio “O VELLO DOS CONTOS”, personaxe creada por el. Primeiro protagonista mediático de Galicia, o alcume definía as súas intervencións máis populares como actor de parladoiros e como narrador de contacontos polas ondas. Activo promotor de Unión Radio Galicia, entre xaneiro de 1933 e xullo de 1936, desenvolvería unha activa labor cultural de ideario galeguista. Sendo que, coa entrada do exercito nacional en Compostela, a emisora sería clausurada.

Pero, daquela, a desta escultura é unha historia con moralexa?

Contemos datos inéditos ata esta publicación. Co gallo dunha visita que cursei a Trebonzos – Boiro, convidado polo mestre de xornalistas e bo amigo Raimundo García Domínguez, “Borobó”, e Carlota Paz, a súa muller, parolando entre nós, chegamos a unha conclusión. Esta talla por formato e configuración semella ser un modelo esquecido, ocultado ou extraviado, dado por perdido en décadas, da famosa firma “Cerámica Celta”, empresa artística fundada en 1925 por Ramón Diéguez en Cesures. O fundamento da nosa hipótese baseabase na constancia dun antigo uso de modelos en xeso e tamén en madeira a partir dos que se estudou a viabilidade de deseños e se crearon as matrices doutras pezas cerámicas saídas destes fornos antes de 1935. Así figuras tan populares, como o son mesmo na actualmente as súas réplicas, adicadas a A.D.R. CASTELAO (modelo orixinal en xeso de Francisco Asorey) e RAMÓN DEL VALLE-INCLÁN (modelo orixinal en madeira de Santiago Bonome).

Ao mediático “VELLO DOS CONTOS” representado por Xosé Mosquera faltoulle tempo. Ou oportunidade, tal e cómo sucedería ao grupo “COENGOS” (modelo orixinal en xeso de Xesús Corredoyra). Se a analizan concluirán con nós que se trata dunha figura executada seguindo os tipos e as pautas do escultor e ceramista compostelá Santiago Rodríguez Bonome. Evidentemente, a mais célebre das fotografías do noso protagonista serve de patrón á idea e á dirección das gubias ao traballar a madeira. Na obra de consolidación e restauro evitouse intervir recreando en exceso a faciana danada e non se dotou do baral orixinal perdido, do que queda un rastro debaixo da man de dereita.                                                                                                                    

Aquel orixinal modelo ofrecido para ecocar ao “VELLO DOS CONTOS” non acadaría ser peza de producción cerámica pero si escultura obxecto de reproduccións artesanais. O tempo, e non o home, é ese filtro que distingue as obras.

Por Antonio Gonzalez Millan

Foto.Pergola.Malecón.
Postal.

#caramiñal#desdepobra#aguiar#imÁgenes#lugares#arenales#xigantes#cabezudos#semana santa #nazareno#PobraDoCaramiñal #desdepobra #DesdePobra #gallicia #españa #buentiempo #hombre #mujer #fashion #viaje #vacaciines #vacaciones #altacilidad #calidad #clasico #clasica #diseñoclasico

Por admin

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies