Todas las entradas de: admin

Presentación do libro Héitor Picallo na Pobra do Caramiñal

Onte venres 22 de febreiro, tivo lugar a presentación do libro: No Medievo, castañas e castiñeiros como recursos económicos, ensaio histórico do autor Héitor Picallo Fuentes. Este acto celebrouse no Auditorio do Museo Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal.

Interviñeron: Xosé Lois Piñeiro García, alcalde do Concello da Pobra do Caramiñal, Genoveva Hermo Santos, Concelleira de cultura, Héitor Picallo Fuentes, escritor autor do libro e Antonio González Millán, director desta institución.

Paralelamente, na mesma xornada, tivo lugar o acto público de entrega a este centro da colección de debuxos arqueolóxicos: A Torre dos Valle Bermúdez no Caramiñal, unha serie de 40 láminas inspiradas na sede desta casa museo,Monumento Nacional de carácter Histórico-Artístico, creadas por Picallo en 2015. De xeito que podan ofrecerse en exposicións temporais do propio Museo como en itinerancia por outras localidades. Consistiu este na sinatura da acta de depósito oficial, a subscribir entre o ilustrador, o Alcalde da Pobra do Caramiñal como presidente da corporación municipal e o director do centro como técnico conservador, garante da súa custodia e conservación.

Con esta nova incorporación, o Museo Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal, acrecenta os seus fondos de patrimonio cultural. Podendo ampliar así a súa oferta sociocomunitaria e as pezas das belas artes que expoña ao público, como parte da súa colección visitable.

DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO NA POBRA

Este domingo é o 182 aniversario do nacemento da gran Rosalía de Castro, protagonista do Rexurdimento das nosas letras.

Celebrarémolo cunha OFRENDA FLORAL ás 13.00 h na praza de Rosalía, amenizado polo Grupo de gaitas Caraveiros e a Escola de baile e pandeireta Caramiñas das Amas de Casa.

Logo será a velada no Teatro Elma ás 19.00 h que consistirá nun ESPECTÁCULO ETNOGRÁFICO DE TRAXES TRADICIONAIS.

Traxes que son reproducións fidedignas do vestiario tradicional (traxes de garda, de andar decote, de domingar, montañeses, de faena…), das que se relatarán as súas características (zona de procedencia, antigüidade, tecido, feitura e particularidades).

Organiza a Concellería de Cultura, a asociación local Eiradela e a asociación etnográfica Sete Espadelas de Pontevedra, a cal posúe multitude de premios en relación o enxalzamento do traxe galego. Recentemente recibiu o premio “Antonio Fraguas de Investigación sobre o Traxe Galego”.

Non podemos faltar! A entrada será libre ata completa-la cabida.

Presentación do libro No medievo, castañas e castiñeiros como recursos económicos

O vindeiro venres o Museo Valle-Inclán vai celebrar no seu auditorio a presentación do libro No medievo, castañas e castiñeiros como recursos económicos, editado pola editorial Fervenza en outubro de 2018.

Dentro das diversas iniciativas promovidas por esta institución, a realización de actividades de promoción e difusión do noso patrimonio considéranse funcións prioritarias das súas tarefas.

Esta publicación recolle o último traballo do escritor e ilustrador Héitor Picallo Fuentes (Cuntis, 1974) na súa faceta de investigador e dinamizador da nosa herdanza común. Colaborador e amigo deste museo, baséase nunha extensa e meticulosa análise documental para recuperar a importancia histórica desta árbore e os seus froitos en Galicia. En palabras do director do museo Valle-Inclán, o historiador Antonio González Millán, este libro é “a mellor historia escrita sobre os usos e implantación do castiñeiro e a súa rendibilidade social, económica e cultural na Galicia Medieval”.

Cunha perspectiva antropolóxica e global, o autor realiza unha revisión dos usos do castiñeiro que vai máis aló da súa presenza na nosa paisaxe. Achéganos aos diferentes aproveitamentos históricos, fonte de riqueza e sinal de prestixio, así como o seu impacto en diversos aspectos da Idade Media: dende a economía á creación artesanal e artística, da gastronomía á toponimia.

Podemos afirmar que con este estudo Héitor Picallo demostra unha vez máis o seu compromiso na difusión e defensa do noso patrimonio, ao por en valor toda unha serie de aspectos vencellados ao castiñeiro convidándonos a reflexionar sobre a súa profunda imbricación en expresións actuais da nosa cultura. E é que en Galicia, a sombra do castiñeiro é alongada.

Intervirán:

Antonio González Millán (director do Museo Valle-Inclán)

Heitor Picallo (autor do libro)

Peza do mes no Museo Valle-Inclán

Temos o pracer de comunicarvos que, desde esta semana e durante o mes de febreiro, permanece en exhibición pública para fomentar a curiosidade e o coñecemento nas visitas que se acheguen ata este Museo Valle-Inclán, a imaxe fotográfica de Rosalía de Castro e a nota manuscrita enviada pola súa filla Gala Murguía a Victoriano García Martí, obxectos que presidían o estudio do polígrafo pobrense no Caramiñal.

Xuntas, son a nosa peza do mes, sumándose esta Casa Museo á celebración do 24 de febreiro, declarado como Día de Rosalía. Trátase de dúas pezas que pasaron a formar parte dos fondos documentais desta institución por depósito da familia Bermejo Rubio de Compostela. Precisamente, despois da lectura do conxunto epistolar reunido, extractamos unha escolma de importantes comentarios que permitan ao público contextualizar aquel gran empeño intelectual resolto polo Fillo Ilustre da Pobra do Caramiñal cando se propuxo editar toda a obra de Rosalía de Castro e interpretar o seu ronsel humano e literario nun ensaio, en plena posguerra civil (1944).

Sobre o difícil punto de partida díxolle privadamente o Patriarca das Letras Galegas, Otero Pedrayo, en carta manuscrita que conservamos, remitida desdeTrasalba, un 11 de novembro de 1944: «Qué te voy a decir del proyecto de edición de Rosalía? Todas las obras que hay son pobres. Sería grande una publicación completa: depurada, finamente anotada, sin que la filosofía estorbara el puro florar y la decoración de paisaje y momento. Habría que captarla en sus fuentes. Mil problemas: el origen, la educación, el matrimonio. Todo ello respetuosamente. Una obra que anulara todo lo anterior. Comprendo las dificultades. Tu estudio preliminar será magnífico».

Sobre o resultado final, anticipando o éxito da súa recepción polo público, decláralle o secretario da Real Academia Galega, Juan Naya Pérez, a plena satisfacción da filla de Rosalía, en carta que conservamos, remitida dende A Coruña, un17 de xullo de 1944: «A su debido tiempo se han recibido los volúmenes de las Obras Completas de Rosalía de Castro, y, como le decíamos al editor Sr. Aguilar oportunamente, la impresión experimentada por doña Gala fue muy buena. Si la parte puramente material del libro es espléndida, la otra, el maravilloso estudio de usted, es soberbia, lo mejor que se hizo en este respecto y lo que se hará, sin hipérbole, al decir de la propia hija de nuestra excelsa cantora… Algunos capítulos se los he tenido que leer más de una vez… Todo está hecho con una escrupulosidad extraordinaria en lo tocante a lo exclusivamente biográfico, y en cuanto a la interpretación de la obra poética y literaria ―dice doña Gala― que nunca nadie captó con tanta fidelidad el alma de Rosalía».

En 17 de outubro de 1944, será a propia Gala Murguía de Castro, a que dedique ao ensaísta García Martí unha testemuña persoal escrita da súa man, que di:«Al escritor Victoriano García Martí, como prueba de afecto y gratitud por la Biografía que hizo de mi madre, Rosalía de Castro».

Sen dúbida, lembrar as obras de Rosalía de Castro e daqueles que, como Victoriano García Martí, rescataron o seu legado literario e divulgaron a súa importancia en tempos absolutamente difíciles para a labor intelectual e os empeños do libre pensamento, é a mellor contribución ao saber colectivo que este Museo literario sume en días de celebración. 

Quico Cadaval contaranos «Os inocentes».

Domingo 10 de febreiro ás 19.00 h no Teatro Elma o ribeirense Quico Cadaval contaranos «Os inocentes».

Unha noite, a unha taberna chega un sinistro forasteiro que fai que se desvele un segredo gardado durante 36 anos. Manoel, o máis anódino dos clientes da Carrilana, fora o protagonista dunha historia conmovedora na guerra do 36. Ao mozo da taberna crécenlle as orellas, e escoita cousas que non debía saber aos seus anos. Ao longo das evocacións deste personaxe descubrimos unha estirpe esquecida nas guerras: Os Inocentes.

Entrada libre ata completar a cabida do local.

Organiza a Concellaría de Cultura da Pobra do Caramiñal.

URGETEATRO presenta “75 PUÑALADAS”

URGETEATRO presenta  “75 PUÑALADAS”

3 de febreiro ás 19.00 h. no Teatro Elma. Entrada de balde 

Tralo éxito de “75 PUÑALADAS” no Teatro Alfil de Madrid chega ao Teatro Elma da Pobra do Caramiñal esta comedia policiaca do dramaturgo arxentino Martín Giner e dirixida por Carlos Santos na que se unen o xénero policiaco e a comedia do absurdo.

“75 puñaladas” protagonizada por Pedro Segura e Luis Martínez-Arasa parodia o estilo de Agatha Christie, onde se respecta as regras das novelas de misterio de cuarto pechado. Está escrita con gran intelixencia e soltura co fin de conseguir unha catarse de risa constante no público.

 Sinopse:

Mr. Stagertton, antigo inspector de Scotland Yard, foi asasinado no seu estudo. Cando o atoparon, as portas e xanelas estaban pechadas por dentro e non se acharon rastros do asasino. Pero a maior incógnita é: “Por qué, se Mr. Stagertton foi asasinado de setenta e cinco puñaladas non hai unha soa pinga de sangue no estudo?.

 John Kenett Winslow III, ilustre detective da non menos ilustre Scotland Yard, investiga o caso. O mordomo de Mr. Stagertton colaborará na solución final da investigación.

Organiza a Concellaría de Cultura da Pobra do Caramiñal

Depósito de obxectos persoais do escritor Valle-Inclán

Próximo venres, día 18 de xaneiro de 2019, ás 20:30 hno Auditorio do Museo Valle-Inclán, terá lugar o acto de depósito de obxectos persoais do escritor, cedidos a esta institución pública para a súa exposición por Xaquín del Valle-Inclán Alsina.

Trátase dunha sorte de materiais orixinais, propiedade deste benfeitor da Casa Museo, entre os que cabe citar: varias tarxetas persoais do literato, dous bastóns de etiqueta, vestiario de gala e de paseo, as súas botas de montar e os máis populares botíns, as caixas de cigarros de importación que consumía, algúns recordos da súa estadía en México, unha prancha de zinc para a impresión de fotogravados (do coñecido retrato de Castro Gil), etcétera.

Especial interese para o público será poder ver o baleirado anatómico da man de D. Ramón, realizado polo escultor Francisco Asorey sobre o corpo xacente daquel, no sanatorio compostelá do doutor Villar Iglesias, en xaneiro de 1936.  

Con esta colaboración, o Museo Valle-Inclán, como centro especializado na figura excepcional dun mestre das letras con prestixio internacional, e a localidade da Pobra do Caramiñal ―por extensión a comarca do Barbanza e as Terras da Arousa―, seguen a suman atractivos que actúen de reclamo para captar a atención de novos públicos ou visitantes.     

Intervirán: Anxo M. Lorenzo Suárez, Director Xeral de Políticas Culturais, Xosé Lois Piñeiro García, Alcalde do Concello da Pobra do Caramiñal, Genoveva Hermo Santos, Concelleira de Cultura e de Educación, Xaquín del Valle-Inclán Alsina, familiar e presidente da A. C. Amigos de Valle-Inclán, Antonio González Millán, Director do Museo Valle-Inclán.

Colaboran interpretando distintas pezas musicais: Ateneo Musical da Pobra e Escola de Música da Pobra