Archivo por días: 10 diciembre, 2019

TRES VELLAS DE PRODUCIÓNS EXCÉNTRICAS NO ELMA

15 de decembro ás 19.00 h no Teatro Elma: Quico Cadaval, Celso Sanmartín e José Luis Gutiérrez (Guti) presentan Tres vellas (polo menos). Entrada de balde

No repertorio dos tres, hai moitos contos que foron contados por vellas, a quen
llelos contaron outras vellas. Unha progresión xeométrica de vellas. Nunca se coñeceron as vellas de Guti, Quico ou Celso, pero poderían ter unha conversación entre si á luz do carburo ou sobre o hule das cociñas aldeás. Moitas veces, as sesións de contos son sesións de espiritismo, e as vellas aparecen na axuda do narrador, quen se perdeu nun chiste, ou nun comentario de actualidade, e fano volver ó relato. As vellas que depositan neles ensalmos, historias e receitas, pediron e lograron un lugar en escena, por iso este espectáculo mutante preséntase como TRES VELLAS (polo menos).

Neste exclusivo show, só para os gustos máis requintados, manifestaranse as
miradas profundas, as mans encalecidas de tódolos labores e o afiado sentido do gusto das vellas, e chegará un momento en que o auditorio sentirá o cheiro dos honestos guisados do pasado. E ó terminar, o público espectador, coa boca encharcada, sairá a soñar co prato fumegante da memoria.

Esta actividade está organizada pola Concellaría de Cultura da Pobra do Caramiñal en colaboración coa Rede Cultural da Deputación da Coruña.