Afiando con humor

8 de decembro ás 19.00 h no Teatro Elma: Sergio Pazos presenta Afiando con humor. Entrada de balde

Sergio Pazos estrea unha nova proposta en que afía o humor do país partindo dunha das nosas principais iconas: o afiador. Quen sabe máis do mundo que aqueles que viaxan por el? O actor aproveita que vén de Ourense, coñecida como a “terra da chispa” por ser terra de afiadores, e métese na pel dun deles para contarlle á xente quen son, de onde veñen e onde van estas persoas que sempre percorreron o mundo contando historias do que vían, do que vivían e do que escoitaban.

Afiando con humor é un espectáculo de narración oral baseado nos afiadores, onde se pretende dignificar, recuperar, e falar da súa vida. Unha vida dura, solitaria ás veces, pero unha vida chea de orgullo. E iso si, unha vida chea de historias, algunhas afastadas, outras moi próximas. Ás veces tensas, ás veces tenras, ás veces tristes, ás veces cómicas, pero todas moi humanas e con moito sentimento galego. Non hai que esquecer que o afiador é o primeiro emprendedor, o primeiro autónomo, o primeiro emigrante, ou como dirían naquel anuncio da televisión: “tres nun”. Sergio Pazos tentará sacar “chispas” de humor falando dos afiadores, de personaxes populares e tamén, por que non, da actualidade máis divertida. Iso si, con humor galego, retranca e relatos moi nosos. É ou non é?

Esta actividade está organizada pola Concellaría de Cultura da Pobra do Caramiñal en colaboración coa Rede Cultural da Deputación da Coruña.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *