Peza do mes no Museo Valle-Inclán

Temos o pracer de comunicarvos que, desde esta semana e durante o mes de febreiro, permanece en exhibición pública para fomentar a curiosidade e o coñecemento nas visitas que se acheguen ata este Museo Valle-Inclán, a imaxe fotográfica de Rosalía de Castro e a nota manuscrita enviada pola súa filla Gala Murguía a Victoriano García Martí, obxectos que presidían o estudio do polígrafo pobrense no Caramiñal.

Xuntas, son a nosa peza do mes, sumándose esta Casa Museo á celebración do 24 de febreiro, declarado como Día de Rosalía. Trátase de dúas pezas que pasaron a formar parte dos fondos documentais desta institución por depósito da familia Bermejo Rubio de Compostela. Precisamente, despois da lectura do conxunto epistolar reunido, extractamos unha escolma de importantes comentarios que permitan ao público contextualizar aquel gran empeño intelectual resolto polo Fillo Ilustre da Pobra do Caramiñal cando se propuxo editar toda a obra de Rosalía de Castro e interpretar o seu ronsel humano e literario nun ensaio, en plena posguerra civil (1944).

Sobre o difícil punto de partida díxolle privadamente o Patriarca das Letras Galegas, Otero Pedrayo, en carta manuscrita que conservamos, remitida desdeTrasalba, un 11 de novembro de 1944: «Qué te voy a decir del proyecto de edición de Rosalía? Todas las obras que hay son pobres. Sería grande una publicación completa: depurada, finamente anotada, sin que la filosofía estorbara el puro florar y la decoración de paisaje y momento. Habría que captarla en sus fuentes. Mil problemas: el origen, la educación, el matrimonio. Todo ello respetuosamente. Una obra que anulara todo lo anterior. Comprendo las dificultades. Tu estudio preliminar será magnífico».

Sobre o resultado final, anticipando o éxito da súa recepción polo público, decláralle o secretario da Real Academia Galega, Juan Naya Pérez, a plena satisfacción da filla de Rosalía, en carta que conservamos, remitida dende A Coruña, un17 de xullo de 1944: «A su debido tiempo se han recibido los volúmenes de las Obras Completas de Rosalía de Castro, y, como le decíamos al editor Sr. Aguilar oportunamente, la impresión experimentada por doña Gala fue muy buena. Si la parte puramente material del libro es espléndida, la otra, el maravilloso estudio de usted, es soberbia, lo mejor que se hizo en este respecto y lo que se hará, sin hipérbole, al decir de la propia hija de nuestra excelsa cantora… Algunos capítulos se los he tenido que leer más de una vez… Todo está hecho con una escrupulosidad extraordinaria en lo tocante a lo exclusivamente biográfico, y en cuanto a la interpretación de la obra poética y literaria ―dice doña Gala― que nunca nadie captó con tanta fidelidad el alma de Rosalía».

En 17 de outubro de 1944, será a propia Gala Murguía de Castro, a que dedique ao ensaísta García Martí unha testemuña persoal escrita da súa man, que di:«Al escritor Victoriano García Martí, como prueba de afecto y gratitud por la Biografía que hizo de mi madre, Rosalía de Castro».

Sen dúbida, lembrar as obras de Rosalía de Castro e daqueles que, como Victoriano García Martí, rescataron o seu legado literario e divulgaron a súa importancia en tempos absolutamente difíciles para a labor intelectual e os empeños do libre pensamento, é a mellor contribución ao saber colectivo que este Museo literario sume en días de celebración. 

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *