Archivo por días: 12 enero, 2019

Depósito de obxectos persoais do escritor Valle-Inclán

Próximo venres, día 18 de xaneiro de 2019, ás 20:30 hno Auditorio do Museo Valle-Inclán, terá lugar o acto de depósito de obxectos persoais do escritor, cedidos a esta institución pública para a súa exposición por Xaquín del Valle-Inclán Alsina.

Trátase dunha sorte de materiais orixinais, propiedade deste benfeitor da Casa Museo, entre os que cabe citar: varias tarxetas persoais do literato, dous bastóns de etiqueta, vestiario de gala e de paseo, as súas botas de montar e os máis populares botíns, as caixas de cigarros de importación que consumía, algúns recordos da súa estadía en México, unha prancha de zinc para a impresión de fotogravados (do coñecido retrato de Castro Gil), etcétera.

Especial interese para o público será poder ver o baleirado anatómico da man de D. Ramón, realizado polo escultor Francisco Asorey sobre o corpo xacente daquel, no sanatorio compostelá do doutor Villar Iglesias, en xaneiro de 1936.  

Con esta colaboración, o Museo Valle-Inclán, como centro especializado na figura excepcional dun mestre das letras con prestixio internacional, e a localidade da Pobra do Caramiñal ―por extensión a comarca do Barbanza e as Terras da Arousa―, seguen a suman atractivos que actúen de reclamo para captar a atención de novos públicos ou visitantes.     

Intervirán: Anxo M. Lorenzo Suárez, Director Xeral de Políticas Culturais, Xosé Lois Piñeiro García, Alcalde do Concello da Pobra do Caramiñal, Genoveva Hermo Santos, Concelleira de Cultura e de Educación, Xaquín del Valle-Inclán Alsina, familiar e presidente da A. C. Amigos de Valle-Inclán, Antonio González Millán, Director do Museo Valle-Inclán.

Colaboran interpretando distintas pezas musicais: Ateneo Musical da Pobra e Escola de Música da Pobra