Archivo por días: 4 enero, 2019

HOMENAXE INSTITUCIONAL A D. RAMÓN DEL VALLE-INCLÁN

Comezamos este 2019 cunha nova de actualidade que vos participamos por ofrecer seguro interese.

Este sábado, día 5 de xaneiro, ás 13:00 horas, sendo convocados pola Xunta de Galicia, Consellería de Cultura e Turismo, a través da Dirección Xeral de Políticas Culturais, como Museo Valle-Inclán decano en España, participaremos do acto de homenaxe a D. Ramón del Valle-Inclán que se celebrará no cemiterio de Boisaca, en Santiago de Compostela.

Como de seguro sabedes, o escritor falecía no sanatorio do doutor Villar Iglesias un 5 de xaneiro de 1936 logo de experimentar unha longa enfermidade, e así, como xenio e figura da literatura mundial e como referente principal da imaxe de Galicia entre nós e alén nós, foi sepultado en loor de multitude no cemiterio civil da capital galega. O propio sentir e a voz doutro arousá ilustre, A. D. Castelao, incorpora a lembranza admirativa que sente por D. Ramón del Valle-Inclán no seu lembrado discurso Alba de Gloria como membro destacado da santa compaña de galegos inmortais; personalidade literaria e humana á que define publicamente como “galego extraordinario” e “o mellor artista de Galicia”.

Na efeméride do pasamento de tan excepcional figura é tradición, desde 1986 e na actualidade, reunir a institucións, entidades académicas, museos e asociacións valleinclanianas, en torno da súa sepultura, para celebrar xuntos un acto público que testemuñe o noso recoñecemento á vixencia das súas creacións, textos de calidades únicas como universais.

Entre os asistentes: Roman Rodríguez González, conselleiro de Cultura e Turismo, Ánxo M. Lorenzo Suárez, director xeral de Políticas Culturais, Martiño Noriega, alcalde de Santiago de Compostela, Agustín Hernández Fernández, voceiro do PP no concello da cidade, Xaquín del Valle-Inclán Alsina, neto do autor e presidente da asociación cultural Amigos de Valle-Inclán, Antonio González Millán, director do Museo Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal.

Están convocados igualmente a fundación Valle-Inclán e a cátedra Valle-Inclán da USC, ademais da fundación E. Granell e o Ateneo de Santiago, como entidades que xunto co Museo Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal son promotoras de actividades sobre o escritor na capital galega.