Archivo por meses: enero 2019

URGETEATRO presenta “75 PUÑALADAS”

URGETEATRO presenta  “75 PUÑALADAS”

3 de febreiro ás 19.00 h. no Teatro Elma. Entrada de balde 

Tralo éxito de “75 PUÑALADAS” no Teatro Alfil de Madrid chega ao Teatro Elma da Pobra do Caramiñal esta comedia policiaca do dramaturgo arxentino Martín Giner e dirixida por Carlos Santos na que se unen o xénero policiaco e a comedia do absurdo.

“75 puñaladas” protagonizada por Pedro Segura e Luis Martínez-Arasa parodia o estilo de Agatha Christie, onde se respecta as regras das novelas de misterio de cuarto pechado. Está escrita con gran intelixencia e soltura co fin de conseguir unha catarse de risa constante no público.

 Sinopse:

Mr. Stagertton, antigo inspector de Scotland Yard, foi asasinado no seu estudo. Cando o atoparon, as portas e xanelas estaban pechadas por dentro e non se acharon rastros do asasino. Pero a maior incógnita é: “Por qué, se Mr. Stagertton foi asasinado de setenta e cinco puñaladas non hai unha soa pinga de sangue no estudo?.

 John Kenett Winslow III, ilustre detective da non menos ilustre Scotland Yard, investiga o caso. O mordomo de Mr. Stagertton colaborará na solución final da investigación.

Organiza a Concellaría de Cultura da Pobra do Caramiñal

Depósito de obxectos persoais do escritor Valle-Inclán

Próximo venres, día 18 de xaneiro de 2019, ás 20:30 hno Auditorio do Museo Valle-Inclán, terá lugar o acto de depósito de obxectos persoais do escritor, cedidos a esta institución pública para a súa exposición por Xaquín del Valle-Inclán Alsina.

Trátase dunha sorte de materiais orixinais, propiedade deste benfeitor da Casa Museo, entre os que cabe citar: varias tarxetas persoais do literato, dous bastóns de etiqueta, vestiario de gala e de paseo, as súas botas de montar e os máis populares botíns, as caixas de cigarros de importación que consumía, algúns recordos da súa estadía en México, unha prancha de zinc para a impresión de fotogravados (do coñecido retrato de Castro Gil), etcétera.

Especial interese para o público será poder ver o baleirado anatómico da man de D. Ramón, realizado polo escultor Francisco Asorey sobre o corpo xacente daquel, no sanatorio compostelá do doutor Villar Iglesias, en xaneiro de 1936.  

Con esta colaboración, o Museo Valle-Inclán, como centro especializado na figura excepcional dun mestre das letras con prestixio internacional, e a localidade da Pobra do Caramiñal ―por extensión a comarca do Barbanza e as Terras da Arousa―, seguen a suman atractivos que actúen de reclamo para captar a atención de novos públicos ou visitantes.     

Intervirán: Anxo M. Lorenzo Suárez, Director Xeral de Políticas Culturais, Xosé Lois Piñeiro García, Alcalde do Concello da Pobra do Caramiñal, Genoveva Hermo Santos, Concelleira de Cultura e de Educación, Xaquín del Valle-Inclán Alsina, familiar e presidente da A. C. Amigos de Valle-Inclán, Antonio González Millán, Director do Museo Valle-Inclán.

Colaboran interpretando distintas pezas musicais: Ateneo Musical da Pobra e Escola de Música da Pobra

Homenaxe tradicional a D. Ramón del Valle-Inclán

Homenaxe tradicional a D. Ramón del Valle-Inclán, no día da efeméride do seu pasamento, na cidade de Santiago de Compostela, un 5 de xaneiro de 1936. Esta mañá, reunidos de novo, para realizar a ofrenda floral e pronunciar as palabras de recoñecemento e de respeto ao autor máis internacional de Galicia, xenio e figura, símbolo do país onte, hoxe, no futuro, a carón da súa sepultura. Cemiterio civil de Boisaca.

Convocados pola Consellería de Cultura e Turismo – Dirección Xeral de Políticas Culturais, participaron, sendo moit@s máis @s asistentes:

– Conselleiro de Cultura e Turismo
– Director Xeral de Políticas Culturais
– Alcalde de Santiago de Compostela
– Alcalde da Pobra do Caramiñal
– Presidente da A.C. Amigos de Valle-Inclán
– Representantes Fundación Valle-Inclán
– Representantes do Ateneo de Santiago
– Director do Museo Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal.

Raiaba o sol entre os mirtos e cipreses para iluminar a lousa granítica da arca valleinclaniana. E os actos e as palabras de voces unánimes fixeron honor a aquel “galego extraordinario” chamado D. Ramón del Valle-Inclán “o fillo de Galicia que máis se lle parecía”, “o mellor artista nacido en Galicia” 

HOMENAXE INSTITUCIONAL A D. RAMÓN DEL VALLE-INCLÁN

Comezamos este 2019 cunha nova de actualidade que vos participamos por ofrecer seguro interese.

Este sábado, día 5 de xaneiro, ás 13:00 horas, sendo convocados pola Xunta de Galicia, Consellería de Cultura e Turismo, a través da Dirección Xeral de Políticas Culturais, como Museo Valle-Inclán decano en España, participaremos do acto de homenaxe a D. Ramón del Valle-Inclán que se celebrará no cemiterio de Boisaca, en Santiago de Compostela.

Como de seguro sabedes, o escritor falecía no sanatorio do doutor Villar Iglesias un 5 de xaneiro de 1936 logo de experimentar unha longa enfermidade, e así, como xenio e figura da literatura mundial e como referente principal da imaxe de Galicia entre nós e alén nós, foi sepultado en loor de multitude no cemiterio civil da capital galega. O propio sentir e a voz doutro arousá ilustre, A. D. Castelao, incorpora a lembranza admirativa que sente por D. Ramón del Valle-Inclán no seu lembrado discurso Alba de Gloria como membro destacado da santa compaña de galegos inmortais; personalidade literaria e humana á que define publicamente como “galego extraordinario” e “o mellor artista de Galicia”.

Na efeméride do pasamento de tan excepcional figura é tradición, desde 1986 e na actualidade, reunir a institucións, entidades académicas, museos e asociacións valleinclanianas, en torno da súa sepultura, para celebrar xuntos un acto público que testemuñe o noso recoñecemento á vixencia das súas creacións, textos de calidades únicas como universais.

Entre os asistentes: Roman Rodríguez González, conselleiro de Cultura e Turismo, Ánxo M. Lorenzo Suárez, director xeral de Políticas Culturais, Martiño Noriega, alcalde de Santiago de Compostela, Agustín Hernández Fernández, voceiro do PP no concello da cidade, Xaquín del Valle-Inclán Alsina, neto do autor e presidente da asociación cultural Amigos de Valle-Inclán, Antonio González Millán, director do Museo Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal.

Están convocados igualmente a fundación Valle-Inclán e a cátedra Valle-Inclán da USC, ademais da fundación E. Granell e o Ateneo de Santiago, como entidades que xunto co Museo Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal son promotoras de actividades sobre o escritor na capital galega.