Restauración de escultura do século XVIII.

MUSEO VALLE-INCLÁN

Restauración de escultura do século XVIII.

O Museo Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal ven de restaurar unha escultura do século XVIII. Dentro das iniciativas promovidas por este centro, as medidas de adquisición, a conservación e o restauro de fondos patrimoniais da súa colección, son unha das funcións prioritarias das labores diarias da Casa Museo.

Así, logo de que o proxecto técnico para acometer a intervención acadase a preceptiva autorización da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural – Xunta de Galicia, a firma Alfa Restauración de Santiago de Compostela, encargouse da posta en valor desta peza de arte de alta época. 

Trátase dunha imaxe que representa a San Xoán Evanxelista, o padroeiro dos escritores, que foi tallada en madeira de castiñeiro e policromada con vivos colores no período 1760-1770.

Precisamente, durante as labores de restauración puidéronse eliminar grosas capas de verniz e de pinturas escuras, así como unha falsa peana, que desfiguraban o concepto primitivo da talla, devolvéndose á figura as carnacións e as cores do vestiario orixinal do século XVIII.

Dos traballos a que foi sometida esta peza singular queda no Museo o documento de memoria da restauración profesional a que foi sometida.

Desde este mércores, 19 de decembro, e durante todo o mes de xaneiro de 2019, a talla recuperada permanecerá exposta ao público dentro das salas da Torre de Bermúdez, co fin de animar as visitas interesadas polo patrimonio cultural nun período vacacional dado ao lecer familiar.

            Museo Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *