INAUGURACIÓN DA EXPOSICIÓN DE FOTOGRAFÍAS FEATHERS ON A WOMAN

INAUGURACIÓN DA EXPOSICIÓN DE FOTOGRAFÍAS

FEATHERS ON A WOMAN

O VINDEIRO XOVES, 5 DE XULLO, ÁS  20.30 H. NA CASA DA CULTURA “RAQUEL FERNÁNDEZ SOLER”

Existen tantas formas de percibir a realidade e de percibirnos a nós mesmas como poidas imaxinar. Toda esta complexidade debería sustentarse sobre a base do respecto, a igualdade e a liberdade, dereitos dos que sempre fomos privadas as mulleres. Por iso, decidimos realizar unha exposición co obxectivo de mostrar a anatomía feminina sen atender a prexuízos ou convencións sociais acerca de como deben ser nosas características físicas e estéticas, xa que estas veñen dadas por pura natureza. O feito de establecer as túas propias normas xera unha avalancha de críticas e incomprensión que che fan sentir fráxil e vulnerable. Isto produce sentimentos de rabia e impotencia que nos achegan aínda máis motivos, se cabe, para levantar a cabeza e avanzar no camiño de ser para nós mesmas e non para a sociedade.

Observando a parte máis real e escura da sociedade na que vivimos, quixen crear unha visión persoal de como me gustaría que fose o mundo. Virginia Woolf achegoume esencia, poder e especialmente forza para romper coas regras e loitar polas nosas liberdades. “Non cabe dúbida de que, sendo a liberdade e a plenitude de expresión parte da esencia da arte, esa falta de tradición, esa escaseza e impropiedade dos instrumentos deben pesar enormemente sobre obras femininas. Non cabe dúbida de que algún día, cando a muller #gozar do libre uso dos seus membros, daráselle a configuración que desexe e atopará igualmente un vehículo, non forzosamente en verso, para expresar a poesía que leva dentro.”

 Finalmente, gustaríame agradecer ao meu profesor de debuxo artístico, Alejandro Bobillo, o achegarme tantos coñecementos sobre o mundo da arte. E por suposto, débovos todo a vosotr@ s, compañer@s da asociación GunsN’ Meigas; grazas por axudarme e impulsado a seguir adiante con todos estes proxectos cos que creamos cousas tan extraordinarias nun lugar tan remoto como este. Grazas tamén a todo o grupo que coloborou na exposición: Andrea Rivas, Leila Barral, María Villamayor, Martín López, Raquel Cánibe, Rita García e Susana Vidal. Traballar no instituto non só os contidos clásicos, “académicos”, senón tamén temas relacionados co xénero e a liberdade sexual desde o Grupo de Igualdade, foi moi gratificante. Expresar e compartir os nosos principios e ideais nunha organización educativa aínda enche de inxustizas e actitudes machistas só foi posible grazas a Marta Ojea, a impulsora deste Grupo de Igualdade do IES Pobra do Caramiñal.

                                                                LUCÍA RODRÍGUEZ BARREIRO

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *