Archivo por días: 3 octubre, 2016

Conferencia Siro López Lorenzo

Conferencia pública que este mércores, día 5 de octubro , pronunciará o artista, comunicador e xornalista SIRO, Siro López Lorenzo, titulada “VALLE-INCLÁN como modelo”.

Será no Auditorio do Museo Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal, a partires das 20:30 h.

Como de seguro saben, Siro López, rendido admirador de D. Ramón del Valle-Inclán é autor de centos de iconas para a prensa gráfica galega e española inspiradas nas creacións literarias e, sobre todo, na figura do escritor arousá. O seu xenio, as súas longas barbas, os seus quevedos, a súa expresividade, son elementos característicos para definir a imaxe clásica de quen foi a pluma e a voz titora da Xeración do 98, etapa literaria fértil en personalidades xeniais.

Precisamente é no Barbanza, e desde o ano 2014,  onde podemos admirar a colección de iconas valleinclanianas máis completa existente en institucións públicas do país, a serie “Valle-Inclán: retratos, caricaturas e visións”, doada polo polifacético artista ferrolá a este Museo. Coa voz da experiencia propia, como artista plástico orientado ao xornalismo e a divulgación de grandes valores culturais de Galicia, a intervención de SIRO non esquecerá de ilustrarnos sobre a nómina de magníficos artistas que o precederon e adoptaron como modelo a ilustre figura do Fillo Adoptivo da vila do Caramiñal.

Con esta actividade darase inicio ao programa de actos conmemorativo do 150º Aniversario de Valle-Inclán. Efeméride que se celebrará nas principais vilas valleinclanianas do país. A súa presentación no marco deste Museo e para os medios de comunicación social terá lugar precisamente o mesmo mércores pola mañá.

logo-150o-aniversario-de-valle-inclan-fondo-color logo-150o-aniversario-valle-inclan-fondo-blancocartel-conferencia-siro-lopez