Este xoves, 17 de marzo, un grupo de alumnos do C.P.R. Nosa Señora do Rosario de Arzúa visitaba as instalacións do Museo Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal, institución que, ó igual que outras entidades valleinclanianas, se encontra inmersa na planificación dun extenso e variado programa de actividades para conmemorar o 150 aniversario do nacemento de tan destacado autor literario.
Os 42 rapaces, acompañados de 4 titores, foron recibidos polo director do centro, Antonio González Millán, que logo dunha explicación en torno á figura de Valle-Inclán e ó edificio renacentista que hoxe é sede do Museo, continou coas explicacións a través das distintas dependencias e contidos da entidade cultural.