Actos informativos sobre o inventrario de camiños
Nos vindeiros días, dende o luns 29 de febreiro ata o xoves 10 de marzo, o concello da Pobra do Caramiñal organizará unha serie de actos informativos sobre o inventario de camiños municipais, que terán lugar en diferentes lugares e parroquias do municipio. A intención é achegar a información á cidadanía, para que cada veciño e veciña que o considere oportuno poda alegar no sentido que considere oportuno: solicitando a retirada dun camiño por non consideralo público, ou pola contra esixir que se inclúa unha vía que non ven recollida no documento por considerala neste caso como pública.
O inventario de vía municipais é unha ferramenta de gran valor e moi útil para un concello e para a súa veciñanza, pois evitará a aparición de novos conflitos sobre a titularidade dos camiños, pistas e sendas peonís. A participación da cidadanía é fundamental para acadar un documento o máis completo posible e con maior estabilidade e seguridade xurídica. Polo tanto dende o Goberno Municipal queremos animar a participar en calquera das reunións a todas as persoas que pensen que poden contribuír a mellorar o proxecto.
Os actos informativos celebraranse as 20:30 horas nos seguintes lugares os días indicados:
29 de febreiro: No local da Comunidade de Montes. (San Isidro-Ouxo-Pumadiño-Casás-Vilariño-Armental-Vilas).
1 de marzo: Na escola da Ribeiriña. (Ribeiriña-Conchido).
2 de marzo: Na escola do Camiño Ancho. (Camiño Ancho-A Tomada).
7 de marzo: No local do Muíño en Pontebarbanza. (Pontebarbanza-As Pontes-San Lázaro).
8 de marzo: Na escola de Santa Cruz. (Santa Cruz-Pedriñas-Rego-Tarrío-Lesón).
9 de marzo: Na escola da Angustia. (Angustia-Lomba-Crocha).
10 de marzo: Na antiga escola de música do Campiño. (Maño-Campiño).