Archivo por días: 14 octubre, 2015

Mostra de Héitor Picallo

Mostra de Héitor Picallo

Dentro do marco da XVII edición das Xornadas de homenaxe a Valle-Inclán, este venres, 16 de outubro, ás 20:30 h., inauguramos a mostra asinada polo artista HÉITOR PICALLO, “A Torre dos Valle Bermúdez no Caramiña.Debuxos arqueolóxicos”, que permanecerá aberta ata o 17 de novembro, na Casa da Cultura Raquel Soler.

A exposición recolle un total de 40 láminas de debuxos arqueolóxicos en augatinta, e reproduce os elementos máis significativos deste edificio civil, con raíces no século VXI, e que, alén de ter sido morada do egrexio escritor Valle-Inclán,  é o lugar onde se localiza hoxe o museo pobrense.

Medallóns, gárgolas, pilastras, xanelas, portas, detalles constructivos debuxados ao mínimo detalle logo dun estudo previo e detallado de cada un dos elementos representados.

Está previsto que esta mostra de debuxo arqueolóxico discorra por diversos concellos vinculados a Valle-Inclán, entre eles Vilanova de Arousa, Pontevedra e Santiago de Compostela.

 

MARTA PEDROSA. RECITAL POÉTICO

MARTA PEDROSA. RECITAL POÉTICO

Un gran talento con moito que ofrecer. 

Marta Pedrosa Agra, natural do Freixo, actualmente afincada na localidade de Santa Uxía de Ribeira, é unha desas persoas que conseguen facer maxia coas palabras, non en balde ela mesma di: “a miña vocación é a palabra”.

Ben nova era cando cando gañou o seu primeiro concurso de relatos e corrían aínda os anos tenros da E.X.B. cando comezou a fixar a súa mirada na poesía. 
A súa pegada literaria pasa polo poemario colectivo “Pegadas” da Porta Verde do Séptimo Andar, o colectivo literario Sacou a través das súas publicacións mensuais de “A Caramuxa”, ou a revista “A Casa da Gramática”. Ademais leva participado como convidada en numerosos recitáis, nos que deu mostras do seu talento e creatividade como escritora e como recitadora.

Os Amigos do Museo Valle-Inclán convidámola a participar nesta XVII edición das Xornadas de Homenaxe a Valle-Inclán na Pobra para que faga seu o escenario da sala “Valle-Inclán e o seu tempo” no museo dedicado ó gran don Ramón.

A cita con ela é o sábado 17 de outubro ás 20:30 h. 

Con ela estarán tamén Alexandre Fontán, Manuel Teira Luaces e Cris Román